Expedientan unha alumna dun colexio de Monforte tras faltar a clase por medo á covid

O pai da nena decidiu non enviar a súa filla á escola os primeiros días tras as vacacións de Nadal. Di que o fixo por precaución, para que evitar que a nena se puidese contaxiar de covid, posto que xa se sabía que había varios positivos na súa clase, no colexio A Gándara de Monforte. Como resultado, aos catro días recibiu un correo do centro en que lle notificaban que lle abriran un expediente á alumna por absentismo escolar.
"As clases comezaron o venres 8 de xaneiro e o martes 12 á tarde recibín un correo electrónico do centro comunicándome a apertura dun expediente por absentismo escolar, cando xa sabían dende a mañá dese mesmo día que media clase súa estaba confinada por un positivo de covid-19", di o pai da alumna expedientada.
Segundo as autoridades educativas, a apertura do expediente obedece a unha situación que se vén prolongando dende o inicio do curso. De feito, o propio pai admite que a súa filla faltou ás clases en diversas ocasións, pero sempre por precaución ante o risco de contaxio.
"Estaban avisados xa antes das vacacións, porque é algo que adoito facer dende o inicio do curso. Cando veñen datas sinalas, como estas de Nadal, non envío os primeiros días, por precaución, a nena ao colexio, por se se dese algún caso de covid. Con perplexidade, mandeille un correo á profesora explicándolle as circunstancias, aínda que xa as sabía de antemán porque xa llo dixeran antes das vacacións. E mandeille un correo tamén á delegación territorial de Lugo, ao supervisor de zona, que aínda non me respondeu", asegura o pai.
A alumna expedientada non volveu ás clases no que vai de ano. Segundo sinalan os seus pais, a súa intención é que o faga cando se dean unhas mínimas garantías sanitarias. Mentres, iso si, continúa a facer os deberes en liña.