CRTVG

Buscar

Expedientan 16 alumnos da Escola Naval de Marín por participaren en dúas festas ilegais

Publicado o 09/02/2021 20:50
Expedientan 16 alumnos da Escola Naval de Marín por participaren en dúas festas ilegais

A Escola Naval de Marín sanciona 16 alumnos que esta fin de semana participaron en dúas festas ilegais. Unha delas ocorreu nun chalé abandonado. E os mesmos alumnos que a policía identificou ese día, volvían participar ao día seguinte nun botellón. Algúns mesmo levaban o uniforme militar. A escola non detalla que tipo de sancións lles vai impoñer. O pasado mes de xaneiro detectouse un gromo de covid na Escola Naval de Marín con 60 contaxiados.

Os axentes identificaron ata dezaseis novos bebendo alcol e sen máscara de protección, segundo informou a Policía Local nun comunicado sobre os controis efectuados para facer cumprir as normas de restrición de movemento da poboación impostas para conter a propagación da pandemia de covid-19. Nun comunicado, a Escola Naval de Marín observa que eses alumnos estaban "fóra do recinto militar" incumprindo a normativa imposta pola Xunta e o protocolo do centro.

Por iso, "seguindo a política de tolerancia cero ante estes comportamentos", os responsables da Escola adoptaron as "correspondentes medidas disciplinarias" por incumprir o protocolo establecido para as saídas dos alumnos, engade a nota. A Escola Naval detalla que permite actualmente a saída do recinto militar "unicamente a aqueles alumnos que, de acordo cos criterios sanitarios, e superados os tests correspondentes, non entrañan risco de contaxio" do coronavirus.

Noticias web

09/02/2021