CRTVG

Buscar

Veciños do barrio lugués das Gándaras quéixanse polo exceso de velocidade na zona

Publicado o 15/11/2018 12:36

Esta é a principal vía de conexión entre o barrio das Gándaras e o centro de Lugo. Unha estrada con pouco tráfico ata que abriu o novo hospital lugués e se converteu na vía máis usada entre os usuarios e traballadores do centro hospitalario. Aumentou o tráfico pero tamén a velocidade á que circulan os coches. Os veciños aseguran que algúns mesmo dobran o límite permitido. Ao tratarse dunha vía urbana a velocidade está limitada a 50.

"Mira, a miña filla atropelárona no medio da calzada, porque se tivo que meter para ver e xustamente viña un coche de arriba e pasou por riba dela, non lle pasou nada de milagre, pero, mira, levouna desde aquí ata alí".

"Si, xa puxeron bandas rugosas pero non dan moito resultado, parece que as rodas van baratas e o amortecemento tampouco non doe".

"Baixan bastante largados e chegan aquí e non dan feito para frear. Non dan freado, non sei como non hai máis accidentes".

Un dos riscos que corren a diario os residentes é cruzar polos pasos de peóns, din os veciños que os coches non paran. E neste en concreto o perigo é maior, xa que dende esta beirarrúa non hai visibilidade por mor dos colectores do lixo.

"Para saír aquí do garaxe temos ese problema, tes que meter a metade do coche na estrada, veñen e píllante facilmente".

"O dos colectores, nós xa presentamos unha queixa no concello, onde explicabamos que debido aos colectores non tiñamos visibilidade á hora de saír do garaxe, pero non nos fixeron caso".

Os veciños piden máis presenza policial ou que se adopte algunha medida como instalar lombas que obriguen os condutores a reducir a velocidade. Din que no barrio hai moita xente maior e tamén familias con nenos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/11/2018