CRTVG

Buscar

Evoluciona favorablemente a nena de 9 anos ingresada por covid-19 en Vigo

Publicado o 08/03/2021 15:33

O da nena de 9 anos ingresada no Cunqueiro é o primeiro caso dun menor nunha UCI galega pola Covid dende que comezou a pandemia. A nena non presentaba ningunha patoloxía previa e ingresou cunha síndrome inflamatoria sistémica.

Ana Concheiro, xefa de Pediatría da área Sanitaria de Vigo: "O organismo reacciona á infección da covid-19 cunha resposta inflamatoria esaxerada que pode afectar o funcionamento de diferentes órganos e poñer o paciente nunha situación comprometida".

Unha complicación que xorde de forma tardía, entre unha e seis semanas despois do desenvolvemento da infección por covid-19 en nenos. Estes presentan febres altas durante máis de tres días, vómito, diarrea, problemas respiratorios ou lesións cutáneas.

A maior complicación é a inflamación masiva que poden sufrir certos órganos, especialmente o corazón. Son casos moi pouco frecuentes e con tratamentos eficaces.

Ana Concheiro, xefa de Pediatría da área Sanitaria de Vigo: "Seméllase moito a outras enfermidades sistémicas inflamatorias que os pediatras estamos acostumados a diagnosticar e tratar, como a síndrome de Kawasaki e, polo tanto, a terapéutica e as medidas de control que usamos neste pacientes son tratamentos que xa estamos moi acostumados a usar con éxito neste tipo de patoloxías".

 Os expertos tranquilizan a poboación, inciden en que só se dá nun de cada 2.000 nenos contaxiados pola covid-19 e insisten en que, malia que non hai que baixar a garda, a gran maioría dos menores son asintomáticos ou presentan síntomas moi leves.

Noticias web

08/03/2021