CRTVG

Buscar

Máis de 500 efectivos traballan en catro incendios activos na serra de Gredos

Publicado o 30/06/2019 21:51

Catro incendios importantes seguen activos na serra de Gredos, e aféctanlle a Madrid, Toledo e Ávila. O lume leva arrasadas unhas 4.000 hectáreas e obrigou este mediodía a evacuar unhas 200 persoas en Toledo. 40 membros da Unidade Militar de Emerxencias uníronse esta tarde aos 450 efectivos que traballan na zona. 

Continúan ardendo os municipios fronteirizos de Almorox, en Toledo, e Cadalso de los Vidrios, en Madrid. O lume, que comezou o venres, leva arrasado, segundo as primeiras estimacións, unhas 4.000 hectáreas e obrigou este mediodía a evacuar preto de 200 persoas de dúas urbanizacións lindeiras a Almorox.

"Desaloxouse unha totalmente e agora estase desaloxando outra. Neste caso hai bastantes máis casas e veciños"

Os veciños evacuados a noite anterior puideron regresar esta mañá, pero os continuos cambios na dirección do vento e as altas temperaturas dificultan moito os traballos de control e extinción.
"Tomamos a decisión de activar o nivel 2 do plan INFOMA, debido a que é o terceiro día con condicións extremas de temperatura, de humidade, do combustible e de vento que temos neste incendio", advertía Carlos Novillo, director da Axencia de Seguridade de Madrid 112.
"Gustaríame dicir que no día de hoxe vai ser controlado pero todo parece indicar que vai ser materialmente imposible", advertía o presidente en funcións da Comunidade de Madrid, Pedro Rollán.


Esta tarde 40 membros da Unidade Militar de Emerxencias uníronse aos 450 efectivos que estaban xa traballando na zona. Os veciños, seguen con temor o avance das lapas, despois de pasar unha noite temendo polas súas casas.
"Os que están traballando estano facendo moi duramente, sobre todo pola noite. Pero non tiñamos que ter chegado a isto".

E cunha distancia de tan só 47 quilómetros, pero tamén na serra de Gredos, outros dous grandes lumes permanecen activos en Ávila: o de Gavilanes, que comezou o venres, e o de El Arenal. O goberno autonómico confirmaba esta mañá que estes lumes foran prendidos de forma "voluntaria, intencionada e criminalmente".
No municipio de Pedro Bernardo, onde o lume lles afecta xa a unhas 1.000 hectáreas, os veciños gardaron esta tarde un minuto de silencio en protesta pola xestión dos incendios por parte do goberno autonómico porque non estaba previsto que os medios entrasen en servizo ata o 1 de xullo, incluso cun aviso de vaga de calor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/06/2019