CRTVG

Buscar

Evacúan unha muller en padiola polo monte preto do río Mandeo

Publicado o 01/03/2019 14:13

A señora, de 54 anos e veciña do concello de Oleiros, sufriu un contratempo cando camiñaba pola beira do río Mandeo, entre o coto de Chelo e a central hidroléctrica de Zarzo, o mércores pola tarde. Aproximadamente na metade da ruta escordou un nocello e non puido seguir andando. Ela mesma chamou a urxencias. Para localizala desprazáronse tres voluntarios de Protección Civil de Betanzos, un pescador que coñece a zona e dous gardas civís. Non tardaron en localizala. O peor foi o traslado en padiola un quilómetro polo medio do monte.

"O traslado si que foi complicado porque era de noite, o camiño estreito, iamos os catro cada un por un lado da padiola e había que parar de vez en cando para cambiar de brazo e facer quendas porque iamos dous de máis. ao chegar aquí xa estaba a ambulancia do 061 para trasladala".

A ambulancia puido aproximarse á central hidroeléctrica de Zarzo. A muller doíase do pé e tiña moito frío. Tamén estaba asustada aínda que os dous cans que levaba non se separaron dela.

"Vir aquí ao monte unha persoa soa facer sendeirismo é arriscado porque pasa calquera cousa... A ela foi un pé, pero se é un golpe na cabeza e perde o coñecemento... Hai que vir con alguén ou avisar".

Outra recomendación é calcular ben o tempo da ruta para completala antes de que se faga de noite.

Noticias web

01/03/2019