Evacúan un edificio de Negreira por un incendio en plena madrugada
Mirándoo por fóra ninguén adiviñaría que no primeiro andar dun edificio de Negreira se desatou esta madrugada un inferno. Estraña, si, ver todas as ventás abertas en pleno xaneiro. A propietaria, unha muller octoxenaria, intenta desfacerse do forte cheiro a fume que deixou o incendio que a espertou, alarmada entre ruídos de cristais e golpes, contra a unha e media da noite. Ás escuras porque non había luz, intentou baldear auga, pero o fume asfixiábaa e caeu. A orixe do lume pode estar nunha sobrecarga eléctrica que provocaría un curtocircuíto. O lume só estragou unha estancia pero o fume escureceu toda a vivenda.
Xosé, irmá da muller afectada, e a súa dona, que viven no segundo andar, espertaron tamén polos ruídos estraños e pensaron que lle pasaba algo á súa irmá. El, que sufriu un infarto hai 6 meses, baixou e fíxose cargo da situación mentres a muller chamaba o 112. Entre o fume que o facía tusir, Xosé socorreu a súa irmá e logo cargou unha mangueira desde o garaxe para sufocar as lapas. Ao pouco, chegaba o socorro e desaloxábanos aos tres.
Unha vez chegaron os bombeiros de Xallas desde Santa Comba e Protección Civil de Brión, que lograron extinguir de todo o lume, os dous irmáns cumpriron atención médica no PAC de Negreira, por inhalación de fume. Afortunadamente, un par de horas despois xa volvían á casa de Xosé para descansar dunha noite de pesadelo.