CRTVG

Buscar

Evacúan os pacientes do hospital de campaña de Valencia debido ao vento

Publicado o 24/01/2021 22:40

Os primeiros pacientes con coronavirus ingresaron neste hospital de campaña de Valencia hai menos dunha semana. Este domingo o vento obrigaba a evacualos. Son algo máis de vinte enfermos. A Consellería de Sanidade decidia trasladalos a un antigo hospital ante a previsión de refachos aínda máis fortes nas próximas xornadas. Unha situación que dificulta máis a asistencia sanitaria, que xa está desbordada na comunidade.

Hai máis de 4.300 pacientes ingresados, 600 en coidados intensivos. Son os peores datos dende o comezo da pandemia. Case a totalidade dos hospitais están adapatando novos espazos para atender enfermos.

María Xosé Díaz, médico adxunto de urxencias do hospital de Sagunto, di: "O colapso en urxencias é evidente, día a día vemos que as camas superan a capacidade tanto da instalación coma do persoal sanitario do que dispoñemos".

"Tiveron que habilitar unha zona que é coma do xinmasio con máis cuartos para pacientes deste tipo porque os cuartos habituais xa non daban abasto", explica Alberto Notario, enfermeiro de urxencias.

Para intentar frear os contaxios o Goberno aumentou as restricións. Prohibiu as reunións con non conviventes en casas particulares e limítaas nos espazos públicos a dúas persoas.

Ademais, quince cidades que superan os cincuenta mil habitantes estarán pechadas durtante as fins de semana.

Na última acutalización de datos, Sanidade comunicou 40 falecementos. As medidas estarán en vigor ata o 15 de febreiro.

Noticias web

24/01/2021