CRTVG

Buscar

Ingresa no hospital un dos xogadores do Fuenlabrada tras sufrir un esvaecemento

Publicado o 24/07/2020 13:19

Contra as doce e media deste mediodía, o 061 evacuaba en ambulancia un dos xogadores do Fuenlabrada que esta confinado nun hotel da Coruña. O xogador, do que non se coñece a identidade, o club pide privacidade, ía acompañado de tres facultativos vestidos con Epis, foi ingresado na clínica Quirón da Coruña. Antes do traslado xa xora atendido polo equipo médico uns 40 minutos. Fontes do club Fuenlabrada dixeron que o xogador foi evacuado por precaución, porque sentía malestar.

O resto dos integrantes da expedición do Club de Fútbol Fuenlabrada desprazada á Coruña infectados por coronavirus son 11 persoas que permanecen no hotel, despois de que o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) ratificase que hai seis novos diagnosticados.

Segundo informou o SERGAS, os resultados obtidos nas probas realizadas polo laboratorio de microbioloxía da área Sanitaria da Coruña este xoves confirman que son 12 os casos positivos, incluídos os seis previamente diagnosticados como positivos o pasado martes por este mesmo laboratorio.

Con todo, unhas catro horas antes de seren coñecidos os resultados das probas do Sergas, o Fuenlabrada anunciou este xoves á tarde cinco novos contaxios por COVID-19, aínda que segundo os seus cálculos, un estaría pendente de aclarar.

O proceder do club de fútbol orixinou que a Xunta emitise un comunicado a última hora da tarde do xoves no cal cargaba contra a Liga e o Club de Fútbol Fuenlabrada polos incumprimentos de forma "reiterada" da normativa sanitaria e lamentaba que "reincidan" na realización de tests de COVID-19 sen poñelo en coñecemento da Consellería de Sanidade, o cal supón un incumprimento da normativa vixente. 

En calquera caso, aos 12 positivos entre a expedición do Fuenlabrada na Coruña hai que engadir os catro membros do persoal que xa non puideron viaxar á cidade herculina, onde se segue confinado o equipo despois de suspenderse o seu encontro do luns ante o Deportivo.

Pola contra, as catro persoas ás que o mércores se lles realizou a proba PCR por teren contacto cos xogadores do Fuenlabrada na Coruña, tres condutores de autobús e un afeccionado, deron negativo en COVID-19. Son as únicas catro probas que a sanidade galega realizou a individuos alleos á delegación do Fuenlabrada en relación co rebrote no club, confinado nun hotel da Coruña.