Evacúan dous bebés enfermos do Open Arms canda os seus pais mentres a situación para o resto dos inmigrantes segue bloqueada
Evacúan dous bebés do Open Arms canda os seus pais. É a última hora no barco humanitario, onde a situación empeora mentres a diplomacia europea non acaba de atopar solución ás negativas de desembarco de Italia e Malta. Francia entra en xogo para o desbloqueo da situación.
Francia entra en escena para desbloquear a situación dos migrantes que continúan no Open Arms. A ONG pediulle a este país, canda a Alemaña e España, que activaran unha negociación en Bruxelas para distribuír os náufragos e que Italia ou Malta permitiran o seu desembarco. No entanto, o Ocean Viking continúa a pedir solucións tamén para as 356 persoas que rescataron na última semana.
A situación empeora para os migrantes do Open Arms e o Ocean Viking. Prevense tormentas no mar e os problemas de saúde acumúlanse nas embarcacións. No Open Arms levan trece días a bordo e nas últimas horas Italia evacuou dous bebés, acompañados dos pais. Un deles ten problemas respiratorios.
Cádiz ofrece o seu porto, pero o fundador da ONG di que non piden desembarco en España, maiormente polo risco que suporía cinco días máis de navegación con 151 persoas a bordo. Ademais, o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, dixo que Óscar Camps non é competente para pedir asilo para os 31 menores que van no barco.
Con España na encrucillada e as negativas de Malta e Italia, entra en escena Francia, que segundo o xornal El País está a negociar en Bruxelas o desbloqueo da situación do Open Arms, unha tarefa que xa iniciou o executivo comunitario sen moitos froitos polo de agora. Quedaría por dar solución aos migrantes do Ocean Viking, que levan unha ONG francesa chamada SOS Mediterráneo, e Médicos Sen Fronteiras. Nel viaxan 356 náufragos, entre eles, 74 menores de idade.