CRTVG

Buscar

Evacuados tres adultos e unha nena intoxicados por unha fuga de gas en Arteixo

Publicado o 18/01/2020 11:11
Evacuados tres adultos e unha nena intoxicados por unha fuga de gas en Arteixo

Catro persoas tiveron que ser evacuadas da súa vivenda e trasladadas ao hospital ao resultaren intoxicadas pola fuga de gas que se produciu nun local en Arteixo (A Coruña). Os feitos sucederon ao redor das 00:30 horas deste sábado, cando os servizos de urxencias sanitarias trasladaron un equipo á vivenda situada na rúa Caión de Arteixo para atender as persoas afectadas.

Ao mesmo tempo, deron aviso ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE), que informou os Bombeiros de Arteixo para intervir e pescudar cal era a orixe da fuga de gas. Ao parecer, proviña do capuchón dunha bombona situada nun local no baixo do edificio no que vivía a familia. Por seguridade, outras oito vivendas foron desaloxadas mentres duraron os labores de comprobación, precisaron os bombeiros.

Segundo o 112 Galicia, os afectados foron trasladados de urxencia ao hospital Universitario da Coruña e ao hospital Teresa Herrera da cidade herculina. Por outra banda, tamén se solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil e a Policía Local, así como o servizo municipal de Protección Civil do municipio. Igualmente, informouse o persoal da empresa subministradora.

Unha vez finalizadas a comprobación e a desconexión da bombona afectada polos bombeiros, os veciños puideron regresar ás súas vivendas.