CRTVG

Buscar

O Open Arms entrará en augas italianas e pedirá a evacuación dos 147 inmigrantes

Publicado o 14/08/2019 16:23
O Open Arms entrará en augas italianas e pedirá a evacuación dos 147 inmigrantes

O fundador da ONG Proactiva Open Arms, Óscar Camps, anunciou que van entrar en augas italianas porque xa non corren o risco de que os multen cun millón de euros ou os arresten, despois de que o tribunal administrativo rexional para o Lazio tombase o decreto de seguridade do Ministerio do Interior italiano que llo impedía.

O buque humanitario leva 13 días á deriva no Mediterráneo con 147 migrantes a bordo para os que van solicitar a "evacuación inmediata por motivos médicos". "Estamos a 30 millas de Lampedusa, imos achegar máis e imos entrar en augas territoriais italianas. Imos solicitar achegarnos pero agora non hai ningunha prohibición", asegurou Camps este mércores en declaracións á prensa en Madrid, en referencia á decisión do tribunal italiano, da cal acababan de ser informados. Segundo precisou, "ditaminouse que hai que desembarcar a estas persoas e o único que falta é un porto".

Aínda que Camps precisou que a súa intención non é entrar a porto antes de recibir a autorización previa, a pesar de que xa non lles poidan intervir o barco, porque buscan actuar con "a legalidade absoluta". En todo caso, considera que gañar o recurso contra Salvini dálles "un empuxón". Agora, é o goberno italiano o que ten que responder agora a esta decisión da Xustiza. 

Noticias web

14/08/2019