CRTVG

Buscar

Danos cuantiosos e doce intoxicados por fume polo incendio dun piso en Cambados

Publicado o 06/03/2018 14:01

Cambados, ás sete desta mañá. O 112 recibe un aviso de incendio nun piso deste lugar, na rúa de Valle Inclán. Había persoas atrapadas, e o lume xa saía pola fiestra.

Entre Protección Civil e a Garda Civil entraron na vivenda, e conseguiron rescatar os inquilinos que estaban no seu interior.

Eran 3 persoas, un matrimonio de septuaxenarios e o seu fillo. En total foron 12 as persoas atendidas no hospital do Salnés por inhalación de fume, entre elas os dous axentes da garda civil que tiraron a porta abaixo. Arestora só os ocupantes do piso que ardeu permanecen ingresados en observación. O lume obrigou a desaloxar unha vintena de veciños que arestora xa puideron volver ás súas casas. Todo apunta a que o lume se iniciou nun sillón situado xunto a un radiador, pero será a policía xudical a que investigue as causas do lume. Os danos materiais son cuantiosos, sobre todo nos pisos situados sobre o que ardeu, do terceiro andar cara a arriba.

Un dos veciños que vive no edificio gravou estas imaxes desde a rúa cando os desaloxaron. Mentres o lume saía pola ventá, os servizos de urxencias tentaban sacar as tres persoas que viven no piso.

"Cando estabamos de camiño avisáronnos de que había xente atrapada. Tiramos a porta abaixo coa axuda da Garda Civil e puidemos sacar os inquilinos da vivenda", afirma Iván Marín, do Servizo de urxencias de Cambados. 

Son dous septuaxenarios e o seu fillo. En total 12 persoas foron trasladadas ao Hospital do Salnés por inhalación de fume, entre elas os dous axentes que tiraron a porta abaixo. Arestora, tres veciños seguen en observación e con osíxeno. A Policía Xudicial investiga as causas do suceso.

"Desconfíase que fose un acumulador que non funcionaba ben e que prendeu no sofá", engade Adolfo Suárez, da Policía de Cambados. 

Os danos materiais son cuantiosos. No edificio hai 15 vivendas. As máis afectadas son as do terceiro andar cara a arriba. Os 20 veciños que foron evacuados agardaron na rúa tres horas.

"Teño un piso aquí. Chamáronme ás 7.30 e xa non se podía entrar. Evacuaron a xente ata hai uns minutos, que puidemos entrar. O piso está moi queimado e os outros están afectados polo fume. Tamén as dependencias comúns", di un home. 

Os bombeiros do Salnés ventilaron os pisos e mediron o nivel de gases.

"Vai vir un arquitecto por se a estrutura está danada e hai que apuntalar. Nós temos que tapiar a porta do piso", afirma Iván Marín. A placa do teito do piso incendiado foi a parte máis danada, porque aguantou temperaturas moi elevadas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/03/2018