CRTVG

Buscar

Eva Solla cre que "aínda hai marxe" para unha candidatura con Anova

Publicado o 17/02/2020 11:17
Eva Solla cre que "aínda hai marxe" para unha candidatura con Anova

A coordinadora nacional de Esquerda Unida (EU), Eva Solla, asegurou este luns que "aínda hai marxe para construír unha posible candidatura" coa formación Anova, a cuxos dirixentes ofreceu a súa "man tendida" e animou a "non abandonar a unidade", xa que "non sobra ninguén".

Solla sinalou nunha conferencia de prensa a vontade de "construír unha proposta para as próximas autonómicas empezando polas forzas que viñamos traballando nos últimos anos, con Podemos, con quen teño un grupo consolidado no Congreso, e con Anova, con quen traballo desde AGE".

Neste sentido, a líder de EU expresou a súa vontade de que a esquerda "non se disgregue", xa que sería "un erro moi importante" nun momento en que "é necesario sumar para desaloxar á dereita do poder e a Alberto Núñez Feijóo da Xunta de Galicia".

Os representantes de EU reclaman "diálogo sen apriorismos", comentou Solla, e salientou que reclaman unha negociación con "a man tendida para confluír con outras forzas políticas de maneira conxunta".

Ao preguntarlle polas críticas dos dirixentes de Anova, que entenden que se reclama unha adhesión a Galicia en Común máis que un proceso de unidade popular e que falta "xenerosidade", Solla respondeu que "a xenerosidade sempre estivo sobre a mesa" e convidou a evitar a "disgregación" da esquerda rupturista.

A cuestión relacionadas coa idoneidade do deputado de Galicia en Común e candidato ás primarias de Podemos Galicia Antón Gómez-Reino, a líder de EU expresou o seu "respecto" ao proceso interno, xa que "Podemos ten os seus candidatos e candidatas", á vez que lembrou que a súa formación "dixo quen era a súa candidata -ela mesma- desde decembro".

Partidaria dunha "coalición", a deputada autonómica avogou por "conformar o global da candidatura" en que "todas  as persoas que propoñan Podemos, EU e esperemos que tamén Anova son persoas válidas que teñen moito que achegar á nosa candidatura”, concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí