CRTVG

Buscar

Eva Cárdenas deixa a dirección de Zara Home por motivos persoais

Publicado o 29/10/2018 19:47
Eva Cárdenas deixa a dirección de Zara Home por motivos persoais

O grupo Inditex comunicou este luns que Eva Cárdenas, ata agora directora de Zara Home, deixa a compañía por decisión propia e alegando "motivos persoais". Desta maneira, a tamén parella do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abandona a firma de artigos de fogar e decoración que dirixía desde 2003.

A directora agradeceu a todo o seu equipo a "entrega e dedicación de todos estes anos en que se conseguiron resultados moi satisfactorios", e dos que se sente "especialmente orgullosa". 

Pola súa parte, o presidente de Inditex, Pablo Isla, di que lamenta a decisión pero que a "respecta" e lle agredece todos os "logros conseguidos" e a súa "dedicación e talento creativo".

Para dirixir esta nova fase da marca, a cadena pasará a estar capitaneada por Lorena Mosquera, unha directiva que se incorporou ao grupo en 2002. "A persoa idónea", segundo Isla, "para liderar esta nova etapa de Zara Home polos seus coñecementos do produto, polos seus valores humanos e pola súa experiencia na xestión", engade o presidente da multinacional de Amancio Ortega.

Baixo a dirección de Cárdenas, a compañía logrou estar presente en 75 mercados, con case 600 tendas e máis de 800 millóns de euros de vendas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/10/2018