CRTVG

Buscar

Europa supera os 150.000 mortos por coronavirus

Publicado o 07/05/2020 14:13

Europa superou os 150.000 mortos por coronavirus. Os datos coñécense o mesmo día en que o Goberno francés vai dar a coñecer os detalles da desescalada que comeza o próximo luns día 11. Ese mesmo día podería comezar tamén o levantamento das restricións no Reino Unido.

O Goberno francés anunciará ás catro desta tarde os detalles desta primeira fase do desconfinamento. Será entón cando todo o país saiba se a rexión en que vive ten a cor verde ou vermella, que marcará o levantamento ou o mantemento das restricións.

A desescalada comeza o luns día 11, logo de dous meses de confinamento. Tamén para o próximo día 11 está previsto o comezo do levantamento das restricións no Reino Unido.

Pero o primeiro ministro, Boris Johnson, agardará á fin de semana para comunicarllo ao país, aínda que case toda a prensa británica o daba esta mañá como seguro.

A desescalada vai máis avanzada en Alemaña, onde os expertos admiten que a reapertura da actividade pública supón o risco dun rebrote.

A pandemia deixa máis de 150.000 mortos en Europa, onde o proceso das tan agardadas desescaladas trouxo novos problemas.

En Milán, os donos de bares e restaurantes piden axudas fiscais ao Goberno, porque cren que reabrir con restricións fará imposible que poidan saír adiante.

Noticias web

07/05/2020