Europa estuda a apertura progresiva de fronteiras para resucitar o turismo
Europa prepárase para abrir as súas fronteiras internas pechadas a causa do coronavirus, nun intento de impulsar a economía e, en particular, o sector turístico, moi danado a nivel mundial pola COVID-19. Nun continente onde a industria turística representa o 10 % do PIB e onde o verán está ás portas, coa consecuente tempada alta do sector, a Comisión Europea (CE) presentou hoxe as súas recomendacións para reabrir gradualmente as fronteiras internas do bloque comunitario.
Segundo a iniciativa de Bruxelas, que segue ás decisións das xa tomadas por algúns países, a desescalada levaríase a cabo en tres fases e con corredores seguros entre países con situacións similares. Na primeira, a fase 0, a actual, hai restricións de movemento xeneralizadas entre Estados.
Na 1 empezarían a eliminarse obstáculos e estaría garantido o desprazamento entre países en condicións similares, para na 2 levantarse todos os controis e recuperarse a normalidade, sempre tendo en conta a situación epidemiolóxica de cada zona. Ademais, a Comisión recomenda o uso de máscara en todos os medios de transporte e que se respecte a distancia de seguridade, así como protocolos sanitarios para hoteis e outros aloxamentos.
Previamente, Francia e o Reino Unido alcanzaron un acordo para non esixir corentenas a quen transite entre ambos países, mentres que España aplicará a partir do 15 de maio unha corentena de 14 días aos viaxeiros que cheguen doutros países.