CRTVG

Buscar

Euromillóns deixa en Sada un segundo premio de 375.000 euros

Publicado o 24/07/2019 13:53

María e o seu marido son os donos dunha administración de loterías de Sada, que se atopa na praza de España. Tras recibir unha chamada, levaron unha grande alegría. Un boleto do Euromillón selado na súa administración foi premiado este martes con 375.000 €.

"Onte ás dez da noite chamaron por teléfono. Colleuno o meu marido e dixéronlle que era un señor de Zamora e que nos tocara. Eu pensei que era unha broma, pero non, o señor dicía que nos tocara na nosa casa, na administración... Eu quedei tola, e meu marido igual", di María Josefa Álvarez, a dona da administración en que caeron 375.000 €.

O propietario do boleto, do que se descoñece a identidade, conseguiu acertar cinco números e unha estrela, o que corresponde a un premio de segunda categoría. Na xornada pasada deuse a circunstancia de que non houbo premios de primeira categoría, polo que se xerou un Eurobote, podendo gañar un único acertante, o próximo martes, ata 28 millóns de euros.

"Aínda que non me toque a min, que lle toque a xente que ven aquí, porque, imos ver, isto é un aliciente para nós. A xente sábeo e ven aquí. É como se me tocase a min, onte cando mo dixeron foi como se me tocase a min. Ti imaxina que me tocase, miña nai, eu non sei o que faría", engade María moi entusiasmada.

Agora, María e o seu marido están a celebrar esta boa nova, pois a sorte asomouse á súa porta.

 

Noticias web

24/07/2019