CRTVG

Buscar

Ethel Vázquez: "A intermodal de Santiago é unha revolución na mellora da mobilidade"

Publicado o 21/05/2021 10:47

Nas próximas horas entrará en funcionamento en Santiago de Compostela a primeira estación intermodal de Galicia. Ethel Vázquez manifestou que isto "supón unha revolución na mellora da mobilidade", posto que se conseguiu un transporte público máis atractivo onde nun único punto están integradas a estación de tren e de autobuses.

A conselleira de Infraestruturas destacou nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, que se trata de unha estación máis céntrica, moderna e accesible. Deste xeito, calquera pasaxeiro que chegue en tren, pode coller un autobús sen ter que saír do recinto.

Vázquez subliñou que "hai que mellorar a coordinación entre os diferentes horarios dos autobuses e agardan que se logre esa conexión idónea cos trens". En canto ao cambio do actual edificio de Renfe, a conselleira destacou que hai un acordo en que se concretaban as responsabilidades de cada administración, polo que esa segunda fase está pendente de licitación.

Ampliación de frecuencias de Renfe

Ethel Vázquez amosou a súa preocupación pola falta de frecuencias nos trens. Trátase, dixo, dun transporte moi empregado en Galicia. Polo de agora aínda non se recuperou o número de viaxes que había antes da pandemia. A conselleira cre que "o Goberno non acompasa as súas decisión porque rematou o estado de alama pero os servizos de Renfe non se repuxeron". Destacou que teñen moitas queixas dos usuarios como consecuencia desa redución drástica de viaxes. 

Entrada en vigor da tarxeta Xente Nova

Este venres entrou en funcionamento a gratuidade do transporte público para menores de 21 anos en toda Galicia. Ethel Vázquez destacou que deste xeito se fomenta o uso do transporte público entre os máis mozos. Coa tarxeta Xente Nova, que hoxe se estende a toda Galicia, os menores de 21 anos poden empregar o transporte interurbano de xeito gratuíto. 

Bonificación na AP-9

En canto a entrada en vigor da bonifación das viaxes na AP-9, Vázquez afirmou que agarda que entre en vigor no mes de xullo porque foi un compromiso que o ministro Ábalos lle deu ao presidente da Xunta. Destacou que esas bonificacións son prioritarias para Galicia posto que autoestrada conecta ao 60 % da poboación.

 

 

Noticias web

21/05/2021