CRTVG

Buscar

Xenómica, modelos preditivos ou desinfección, investigacións galegas sobre o coronavirus

Publicado o 21/11/2020 15:55

En Galicia estanse a desenvolver diferentes proxectos científicos que estudan o comportamento do coronavirus. Son estudos xenómicos, modelos preditivos ou técnicas de desinfección que forman parte do programa da Xunta Traslaciona covid-19. Os investigadores esperan que os resultados que acaden durante 2021 lles permitan actuar por diante do virus e mesmo aplicar os resultados ante posibles pandemias.

Aínda hai moitas incógnitas por descifrar sobre o coronavirus. A ciencia traballa para atopar respostas, tamén desde Galicia. Aquí varios grupos de investigadores están a desenvolver proxectos dentro do Programa de axudas da Xunta Traslaciona covid-19, con subvencións que suman o medio millón de euros.

Son proxectos de investigación vencellados á covid-19 cos que se pretende anticiparse ao virus, coñecer a súa estrutura e prever o seu comportamento e as secuelas da enfermidade.

"Estanse buscando biomarcadores xenéticos que nos poidan explicar o comportamento destas infeccións, estanse buscando novas terapéuticas para aplicalas a novas complicacións, iso vainos permitir ir por diante", di José Ramón Fernández Lorenzo, director científico do Instituto de Investigación Sanitaria de Galicia Sur.

Hai diferentes proxectos sobre tratamentos da infección e estudos no ámbito da inmunoterapia con plasma de doante curado, que xa se están a aplicar.

"É un proxecto relacionado cos niveis de anticorpos neutralizantes contra covid en pacientes que tiveron a covid-19, como unha terapia en situacións graves".

Estase a realizar tamén un estudo de secuelas, un modelo de infección do virus facendo un seguimento durante nove meses a un cento de pacientes e unha análise da variabilidade xenómica do virus.
"Faise un mapeo xenómico do virus buscando todas as modificacións, tipos e variantes que se producen durante a pandemia. Búscase tamén o nivel inmunidade que imos ter e canto nos dura porque iso vai condicionar o manexo posterior e de futuras pandemias, se é que as hai", di José Ramón Fernández Lorenzo, director científico do Instituto de Investigación Sanitaria de Galicia Sur.

Moitos destes científicos queren enviar unha mensaxe de optimismo e confianza na loita contra o coronavirus, pero lembran que a investigación ten os seus prazos e que necesita máis investimento

Noticias web

21/11/2020