CRTVG

Buscar

Estudo pioneiro do CHUAC para adestrar cans que alerten a pacientes diabéticos das baixadas de glicosa

Publicado o 10/03/2021 12:32

O Hospital Universitario da Coruña e o centro canino Montegatto están a desenvolver un estudo pioneiro en España para mellorar a calidade de vida dos pacientes con diabetes tipo I. Estudan se os cans poden avisar os donos, diabéticos, cando van sufrir unha hipoglicemia, o que chamamos popularmente unha baixada de azucre. 

Son 18 os pacientes que van participar no estudo pioneiro promovido polo servizo de endocrinoloxía do Hospital da Coruña. Dependen da insulina, e un dos efectos secundarios son as hipoglicemias.

A consecuencia máis grave pode ser un coma diabético. Malia que teñen sensores e medidores de glucosa, hai experiencias empíricas de que os cans son quen de alertalo cando van sufrir unha baixada. E iso é o que van testar.

Para adestrar os cans contan coa colaboración do centro Montegatto. O primeiro paso é que asocien os olores que acompañan unha baixada de glicosa, a través de mostras de suor e saliva. O obxectivo é conseguir que cando os detecten, avisen aos donos de que van sufrir unha hipoglicemia.

As expectativas dos participantes no estudo son altas. Malia que dispoñen de tecnoloxía para este fin, din confiar máis no instinto das súas mascotas.

O estudo, financiado pola farmacéutica Novo Nordisk, durará un ano. Ten tamén como obxectivo analizar como pode mellorar a calidade de vida dos diabéticos o feito de ter unha mascota.

Noticias web

10/03/2021