CRTVG

Buscar

Estudos científicos apostan pola madeira como futura fonte de materiais

Publicado o 17/09/2019 14:37

A madeira é un recurso renovable e sostible do que se poden obter multitude de derivados para usos industriais, téxtiles, médicos ou tecnolóxicos. Segundo estudos de científicos nórdicos, no monte está o futuro das materias primas que precisa a humanidade.

Estudos científicos recentes apostan pola madeira como materia prima para obter produtos que podan substituír desde o petróleo e os combustibles actuais ata tecidos téxtiles.

"Estamos falando de substituír por exemplo o algodón, que non é sostible no que se refire a uso de auga, herbicidas etc", explica Orlando Rojas, catedrático de Física na Universidade de Aalto, Finlandia

Aplicando nanotecnoloxía, fibras derivadas da madeira poden ter tamén usos tecnolóxicos, industriais ou médicos.

"O uso da nanocelulosa, un derivado tamén da madeira que se usa para o crecemento de células, para impresión en tres dimensións, para crecemento de tecido, ou órganos", engade Rojas.

"É o futuro, por iso falamos da madeira e do produto forestal como a futura fonte de materiais".

Orlando Rojas destaca como gran vantaxe desta materia prima que é renovable e que a plantación de árbores sempre será beneficiosa para o ambiente.

"É un material que crece, fixa carbono e polo tanto axuda o ambiente, e ademais xera biomasa continuamente, o que se usa replántase en maior cantidade, así que é un proceso, unha cadea totalmente sostible", conclúe o científico.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/09/2019