CRTVG

Buscar

Estúdase aumentar o cultivo de cogomelos a grande escala en Galicia

Publicado o 15/07/2021 21:22

A produción de cogomelos en Galicia é aínda moi cativa e destinada sobre todo á exportación. Agora un proxecto de investigación busca aumentala, profesionalizala e convertela nun recurso a ter en conta. 

A comunidade de montes de Carballo, en Friol, foi das primeiras en facer un aproveitamento económico dos cogomelos que medran nas hectáreas de monte que xestiona. Polo de agora trátase de manter as especies de fungos e as prácticas de silvicultura pero non desbotan facer unha produción a grande escala. Un modelo que podería aplicarse a moitas outras zonas de monte de Galicia.

A recollida de cogomelos en Galicia segue a ser unha materia pendente. Cada ano recóllense unhas 300 toneladas que van para autoconsumo, venda estacional ou exportación. Non hai tradición de gran consumo e iso nótase. O proxecto Mikogest cifra en 500 euros por hectárea e ano o que se pode obter de media cunha explotación axeitada. Así, un monte común de tamaño medio, cunhas 400 hectáreas, podería recibir 200.000 euros polos fungos. Pero é preciso un intenso traballo previo.

A moratoria dos eucaliptos favorece a plantación de especies máis aptas para os fungos, co que se incrementa a produción. Aínda así, é precisa unha campaña de promoción do consumo de cogomelos e de formación en silvicultura para que o sector poida converterse nun recurso económico de primeira orde.

Outro aspecto en que traballar é a gran diferenza entre o que cobra quen recolle os cogomelos e o que paga o consumidor final. Unha cantidade que se pode multiplicar ata por dez.

Noticias web

15/07/2021