CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Estudantes de Ferrol e de Ourense participan nun cumio científico en Bruxelas

Publicado o 25/04/2014 21:22
A innovación non ten idade.
Estudantes de Ourense e de Ferrol, con 13 e 14 anos, presentaron hoxe os seus inventos nunha feira en Bruxelas: un substituto do plástico feito con leite, un herbicida a base de eucalipto, unhas soletas para zapatos a partir dos restos dos lapis, e un estudo sobre as cicloxéneses.

É posible fabricar un material semellante ao plástico só con leite. Fixérono TRES rapazas do colexio "Guillelme Brown" de Ourense: fixeron que o leite se cortase e, con esa pasta, fabricaron recipientes e unhas lonas de plástico para cubrir cultivos.

"Segundo os nosos experimentos, cremos que pode protexelos das malas herbas e tamén da choiva e da neve. Cremos que poden ser moi viables".

E que facer coas lascas que deixan os lapis ao afialos? Soletas para os zapatos.

"Ocorréuseme este traballo cando miña irmá estaba afiando os lapis e as ceras. E pensei se todas as labras se poderían usar para algo. Igual que o papel se recicla, por que non buscar posibles usos?"

Ou matar as herbas malas cun líquido feito con eucalipto.

"Xuntos fixemos un invento sobre un herbicida a partir do eucalpito e da nogueira, que son árbores que abundan no noso bosque, para así matar outras pragas como a mimosa, que está afectando moito a Galicia".

E do "Concepción Arenal" de Ferrol presentaron unha análise sobre as cicloxéneses que azoutaron Galicia nos últimos meses.

"Houbo unha forza de 163 km/h. En xeral en Galicia, adoitan estar por debaixo dos 80".

"Antes de chegar a esta feira de mostras de Bruxelas, algúns destes experimentos xa recibiron varios premios, sobre todo en Barcelona. As novas xeracións ao poder".

Os rapaces e rapazas que viaxaron de Galicia a Bruxelas compartiron mostra con máis de douscentos de toda Europa, tamén con inventos sorprendentes.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

25/04/2014