CRTVG

Buscar

Estudantes de Cambre representan a España na final dun certame da Axencia Espacial Europea

Publicado o 27/07/2021 14:32

Construír e lanzar un satélite do tamaño dunha lata ten moito mérito, pero facelo incorporándolle un dispensador de sementes contra a deforestación supón, ademais, estar entre os mellores proxectos científicos de Europa.

Xoel García asegura que "a segunda parte pensámola moi rápido porque pensamos en Galicia e nos incendios. E dixemos, podemos facer un dispensador de sementes que poida axudar a reforestación para axudar a este problema".

Iago Suárez reafirma que "se podemos axudar nese ámbito sempre está ben, e este é un proxecto que tenta iso: trata de repoboar as zonas que quedaron queimadas".

O éxito do BujanSat parte do traballo en equipo de 6 estudantes de Cambre animados polas súas inquietudes persoais e o reto de partir de cero.

O BujanSat pesa menos de 350 gramos, ascende a uns 1.000 metros de altura e conta con todos os sistemas que se atopan nun satélite. A súa misión é tomar terra sen danos á vez que mide a presión, a temperatura e a humidade, e o reto non foi doado. "Houbo problemas porque tivemos que buscar unha antena que collera dentro do satélite e tivese alcance... así que tivemos que buscar diferentes opcións", mantén Julián Ramos.

E é que o proxecto, máis alá do tecnolóxico, ten un desafío maior: as cousas non lle veñen dadas, teñen que buscarse a vida e resolver problemas, esa é a parte importante. A capacidade de enfrontarse eles mesmos ao proxecto", di Pedro García, un dos mestres implicados no proxecto.

Despois de impoñerse na fase estatal do desafío Cansat, os de Cambre ultiman a posta a punto do seu minisatélite para presentalo na final europea. Un certame promovido pola Axencia Espacial Europea e que dará o seu veredicto o vindeiro mes de outubro.

Noticias web

27/07/2021