Estudan se a variante mu é máis transmisible e resistente ás vacinas
Denomínase mu, orixinouse en Colombia e a Organización Mundial da Saúde acaba de cualificala como variante de interese especial.
Amós García Rojas, presidente da Sociedade Española de Vacinoloxía, explica que "é unha cepa de interese especial porque ten algunhas diferenzas xenéticas con respecto á variante orixinal, a de Wuhan".
Por iso é clave facer un seguimento da súa evolución. Actualmente estúdase se pode ser máis transmisible que outras cepas, ou máis resistente ás vacinas. É o principal temor cando xorden novas variantes. Os expertos din que a clave para evitalas é a vacinación global.
"Non pensemos que isto se pode solucionar en España, Francia ou os Estados Unidos -asegura García Rojas- hai que solucionalo tamén en Burkina Faso, Uganda", e engade que mentres haxa países que non poden vacinar os seus cidadáns, seguiranse producindo casos "e iso pode supoñer a aparición de novas variantes".
A variante mu está presente en 40 países, sendo en Colombia onde ten unha maior incidencia. En España causou algunhas decenas de contaxios pero polo momento a súa presenza é, segundo o Ministerio de Sanidade, residual, sendo a delta a que está tras a maioría de contaxios do noso país.