CRTVG

Buscar

Estrella Galicia "resiste" en tempos de pandemia apostando polo emprego e a innovación

Publicado o 30/09/2020 16:01

A compañía galega Hijos de Rivera incrementou a súa facturación un 12 %, ata os 565 millóns de euros, en 2019, un ano en que realizou investimentos por importe de 110 millóns de euros, segundo informou este mércores o conselleiro delegado da empresa, Ignacio Rivera.

Ademais, as vendas de Hijos de Rivera tamén subiron un 13 %, ata os 345 millóns de litros, durante o ano pasado, cando se incorporaron 110 persoas máis ao persoal que xa supera os 1.200 empregados, detallou o conselleiro delegado da compañía, que este ano non fixo a tradicional presentación de resultados pola crise do covid-19.

"O ano 2019 foi bo para nós" e este non está a ser "fácil" para as empresas do sector, explicou pouco antes de visitar as novas instalacións da cervexeira Estrella Galicia co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde.

A pesar de recoñecer que o primeiro semestre deste ano "asustou moito" a esta empresa galega, cando se decretou o estado de alarma que obrigou a un confinamento e peche de empresas e locais de hostalería, Hijos de Rivera logrou "resistir" con máis investimento e creación de emprego. De feito, insistiu en que este ano manterán o emprego e mesmo o aumentarán, tras lembrar que non fixeron ningún ERTE e que mesmo continuarán cos investimentos que rozarán os 70 millóns este 2020.

"As crises tamén son épocas de oportunidades", subliñou Rivera, que confía en que Hijos de Rivera salga reforzada da actual grazas ao seu mercado aberto e a retomar as vendas, pois aínda que representan un gran volume en Galicia tamén vende noutras comunidades de España, o que os "está axudando", e noutros países.

O presidente da Xunta felicitou a "resistencia" desta compañía galega durante a pandemia a pesar de vender en sectores especialmente afectados por ela e que loxicamente "se tiña que resentir", pero en todo caso "non diminuíu os investimentos e vai incrementar os postos de traballo e seguir a internacionalización" en ao redor de 60 países de todo o mundo.

Feijóo definiu Hijos de Rivera como unha empresa familiar, con arraigamento territorial e vocación a longo prazo que "non fai unha política especulativa senón investidora", valores que "hai que estender ao resto de empresas de Galicia e do mundo", engadiu.

Con todo, este ano está a ser "complicado", recoñeceu o conselleiro delegado de Hijos de Rivera, porque o negocio cambiou e hai unha perda de vendas na hostalería que non se está vendo compensada polas dos supermercados. Sobre a hostalería, cualificou de boa noticia que se prorroguen os ERTE ata xaneiro porque "ou se lle axuda ou non vai chegar ata Semana Santa", avisa.

Rivera agradeceu a actitude "proactiva" de Feijóo neste contexto xa que "loitar contra a pandemia non é unha loita de políticos senón da sociedade, de empresarios, médicos, científicos, virólogos, todos da man para facer piña, non se trata de loitar independentemente". O empresario animou a "todo o mundo" a que "tente facer unha fronte común contra o virus e non tirar os trastes uns a outros, se non mal imos saír disto". 

Estrella Galicia está a investigar en posibles bebidas funcionais, fermentadas con cereais e con capacidades antiinflamatorias, un proxecto ao que a Xunta destina máis de dous millóns de euros e no que participa o sector conserveiro e do mar, anunciou Feijóo. O obxectivo é conseguir bebidas que benefician á saúde, destacou o presidente galego, o que sen dúbida terá "un oco nun mercado aínda sen explorar".

Tras lembrar que se investiron máis de 3.000 millóns nun plan de reactivación económica para que os sectores económicos galegos "sufrisen, se é posible, un pouco menos" esta crise, Feijóo centrouse en Estrella Galicia, con 114 anos de historia, para destacar o seu propósito de innovar, diversificarse e ampliar mercados. Por iso, trasladou o compromiso da Xunta coas fábricas intelixentes de Galicia, onde hai 67 empresas deste tipo que mobilizan 280 millóns para este tipo de proxectos.

Noticias web

30/09/2020