CRTVG

Buscar

Morre o piloto do Exército do Aire que caeu fronte á Manga do Mar Menor

Publicado o 26/08/2019 21:09

Morre o piloto do avión do Exército do Aire sinistrado en Murcia. Estaba realizando un voo de adestramento cando caeu á auga na Manga do Mar Menor.

O falecido e único ocupante do aparello é o comandante Francisco Marín Núñez. Era profesor na Academia Xeral do Aire de San Javier, en Murcia. Francisco Marín, de 42 anos, estaba casado e tiña un fillo. A súa capela ardente instalarse na Academa Xeral do Aire unha vez que rematen as probas forenses. O rei, o presidente do Goberno en funcións e o resto de líderes políticos enviaron as condolencias á familia. 

O accidente foi gravado por bañistas que nese momento estaban nas praias murcianas do Mar Menor. O avión do exército do aire, un caza C101 , cae en picado, trata de endereitar o rumbo, e cando parece que o vai lograr esnáfrase contra o mar.

O único ocupante do aparello morreu, o seu cadáver foi recuperado do mar tras varias horas de busca. O falecido é Francisco Marín Núñez, un comandante experimentado con 1.500 horas de voo no C-101, o modelo sinistrado, e foi tamén membro da patrulla acrobática Águila. Era, ademais, profesor na Academia Xeral do Aire, precisamente o voo era para preparar o próximo curso. Engalou con normalidade e non alertou a torre de control de ningún problema. Aínda é cedo para saber ser foi un fallo humano ou técnico. Nin sequera se sabe se o piloto saltou do avión antes de esnafrarse.

Para establecer as causas do sinistro será importante a recuperación da fuselaxe, porque este modelo de caza non ten caixa negra. Aínda que está na fase final da súa vída operativa con 30 anos de funcionamento, desde a Academia do Aire defenden que era seguro. O último accidente mortal dun C-101 foi en 2012 en Madrid e acabou con dous militares mortos.