Estréase 'O charco de Ulises', a nova produción do CDG
Unha revisión do clásico de Homero adaptada á realidade histórica e cultural galega. Ulises segue a ser o primeiro emigrante, pero o charco en que se mete non é o Mediterráneo, senón o océano Atlántico.
"É un emigrante que podemos ser calquera de nós, porque as viaxes non son só viaxes espaciais, senón tamén existenciais, a vida é unha viaxe e por aí é por onde nos podemos identificar co personaxe", explica Marián Bañobre, codirectora de O charco de Ulises.
Na obra do Centro Dramático Galego, o periplo de Ulises lévao ata Bos Aires. A súa Itaca é Galicia, pero Penélope non é a que fía, destece e simplemente espera.
Segundo Marián Bañobre, "nesta versión as mulleres son máis libres, deciden a súa propia vida".
O Charco de Ulises baséase nun texto de Santiago Cortegoso, director da obra xunto a Marián Bañobre. A estrea será hoxe ás 8 da tarde no Salón Teatro de Santiago.