CRTVG

Buscar

Estragan o letreiro comercial máis antigo de Monforte, que databa de 1876

Publicado o 08/08/2019 13:51

Un acto vandálico semella ser a causa da rotura do letreiro comercial máis antigo de Monforte. É unha estrutura de cristal, dun antigo establecemento de tecidos, situada en pleno centro da cidade. Agora pouco se vai poder facer para recuperala e os seus propietarios lamentan o acontecido polo valor histórico e sentimental do letreiro.

Un acto vandálico escachou o letreiro de Casa Anacleto, o rótulo comercial máis antigo de Monforte de Lemos. Dende 1876 e ata hai pouco máis de dez anos a mesma familia rexentou esta tenda de tecidos que agora serve como escaparate doutro comercio. O letreiro consta de dúas pezas de cristal que foron elaboradas, con toda probabilidade, a finais do século XIX. Malia todo o tempo transcorrido, o rótulo mantívose intacto ata que algún desaprehensivo puxo fin á súa historia. Os donos do inmoble amósanse moi afectados polo valor histórico que tiña a peza.

"É unha mágoa porque levaba moito tempo na cidade e fastidia que o romperan dese xeito. Unha perda importante".

Todo apunta a que foi lanzando unha pedra ou golpeando cun obxecto contundente como os vándalos romperon a peza principal do letreiro. Outras hipóteses como que os responsables foran os os cativos que xogan á pelota na zona ou mesmo que rompera polo desprendemento dun cable semellan desbotadas xa que a rotura se produciu de noite, cando non hai cativos. E os cables non teñen peso suficiente. Agora haberá que retirar toda a estrutura para que non haxa feridos se se desprenden os cristais e a rehabilitación antóxase moi difícil.

"Nós cremos que foi unha pedrada por como rompeu. Non vemos outra posibilidade. Agora retiraremos os restos para que non haxa feridos".

O rótulo foi elaborado pola cristalería La Belga de Vigo, que daquela era unha das máis importantes de Galicia e mesmo de España.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/08/2019