Estragan máquinas expendedoras en Ribeira para roubar a recadación
Daniel está desesperado. Ten varios locais con máquinas expendedoras e de lavado automático en Ribeira. A semana pasada estragáronlle esta para apoderarse da recadación. Aínda non a amañou porque está buscando o xeito de protexela máis.
Daniel Mallo, dono das máquinas: "Que fagan algo. Eu non digo que a policía non traballa pero non temos xustiza. Entran por un lado, saen por outro e rinse do pobo".
Calcula que este último roubo lle saíu por mil euros. A policía ten a gravación das imaxes en que se ve o ladrón. Hai uns meses prendéronlle lume no local. Estivo 15 días sen traballar. A avaría custoulle 1.600 euros.
Daniel Mallo, dono das máquinas:"Nas cámaras vese o fulano tal cal. Plantaba lume nuns papeis e metíaos dentro das máquinas. Grazas a que os veciños pediron auxilio, que puido arder o edificio".
A policía conta tamén coas imaxes recollidas polas cámaras deste outro local. Está fronte á casa do Concello e foi asaltado a noite do luns ao martes. A empresa propietaria descoñece o valor do roubado.