Estragan cunha pintada o muíño da Seca en Cambados
Os veciños de Cambados coinciden en que este non era, nin moito menos, o lugar adecuado para que Plankton, o vilán da serie de televisión infantil 'Bob Esponxa', decorase a súa vila. Este graffiti atenta contra un ben de interese cultural patrimonio de todos.
Dende o concello xa denunciaron os feitos e están á espera de cuantificar o custo dunha restauración que se prevé complicada polo tipo de pedra sobre o que se fixo. Denuncian que se están a traspasar liñas vermellas con este tipo de pintadas.
Non é este muíño o único patrimonio desfigurado en Cambados. Dende o Concello denuncian tamén pintadas na igrexa de San Bieito en plena zona histórica, a carón do pazo de Fefiñáns e noutras zonas e queren lembrar que estes delitos poden supoñer penas de prisión e multas moi elevadas.
As sancións por actos vandálicos que atentan contra o noso patrimonio oscilan entre os 6.000 e os 150.000 euros de multa. Iso sempre que se dea co responsable, algo que non sempre é posible.
Hai un par de anos, na fachada da praza das Praterías da catedral de Santiago apareceu outra pintada sobre unha escultura datada no século XII. A pesar das moitas cámaras de seguridade instaladas na zona vella da capital galega, nunca se chegou a identificar os responsables.