Estiman en 40 millóns o impacto económico da suspensión da Semana Santa en Ferrol
Festa de interese turístico internacional, a Semana Santa en Ferrol é o principal impulso económico do sector. Os balances anuais cádranse en moitos casos cos ingresos destes días para moitas pequenas e medianas empresas.
César Carreño, presidente da Xunta Xeral de Confrarías de Ferrol, lamenta que "para hostalería, florerías, tendas relacionadas co mundo confrade, bandas, é moitísimo... Ten en conta que, segundo a Xunta, a Semana Santa de Ferrol achega un beneficio de 40 millóns de euros, e non van estar. O prexuizo económico é enorme”.
As confrarías non temen pola meirande parte dos seus gastos realizados, xa que as administracións garantiron os convenios. Pero o tecido económico reséntese cunha suspensión total das procesións que nunca antes viviran en máis de 400 anos.
Emilio Vázquez Rey é o presidente da Asociacións de Empresarios de Hostalería de Ferrol e comarca, e comenta que suspender as procesións de Semana Santa, "co necesaria que é para Ferrol, coa cantidade de xente que atrae, é o momento no que podemos amosarnos ao mundo. Trescentas mil persoas que poden chegar ao longo da semana santa, que son as mellores relaciónspúblicas que podemos ter”.
Sen posibilidade de recuperar os ingresos desta semana, os empresarios ferroláns si aplauden a proposta dunha gran procesión que se celebraría en setembro coa participación de todas as confrarías.