CRTVG

Buscar

Estes son os impostos que soben a partir do 1 de xaneiro

Publicado o 30/12/2020 16:41

O 2021 traerá subas nalgúns produtos da cesta da compra, coma os refrescos, que se encarecerán un 11 por cento. Tamén notaremos incrementos, por exemplo, na factura do gas ou nos seguros, tanto nos de coche como nos de vivendas.

Algúns dos incrementos dos prezos son consecuencia da fiscalidade prevista para o ano que vén. Soben dez impostos, varios deles con consecuencias directas na cesta da compra.

O IVE dos refrescos, por exemplo, que pasa do 10 ao 21 por cento, o que encarecerá estas bebidas. Tamén se crea un imposto novo para o plástico dun só uso, que aumentará o prezo dos produtos que teñan envases deste material.

Para os condutores tamén haberá cambios. Sobe o imposto de matriculación, polo que os coches custarán máis.

Ademais encarécense os seguros, os de vehículos e tamén os de vivendas e os de responsabilidade civil.

Fóra dos impostos, hai que contar cunha suba do gas natural. As tarifas de último recurso serán case un 6 por cento máis caras a partir de xaneiro.

Pola contra non se prevén grandes variación en servizos como a enerxía, o transporte ou as telecomunicacións.

 

 

Noticias web

30/12/2020