Esténdese a pneumonía de Wuhan, xa hai 9 mortos e máis de 440 contaxios
O andazo de pneumonía orixinado na cidade chinesa de Wuhan chegou a Tailandia, O Xapón, Corea do Sur e os Estados Unidos.
Na China confirmaron hoxe que o número de falecementos ocasionados polo novo coronavirus elévase a 9 e que hai máis de 440 contaxios.
Todos os mortos e a maioría de casos localízanse en Wuhan, cidade centrooriental de once millóns de habitantes. As mesmas autoridades chinesas alertaron o luns de que a enfermidade se contaxia tamén por contacto entre humanos.
Os casos detectados en Tailandia, O Xapón, Corea do Sur e os Estados Unidos coinciden con persoas procedentes da China, polo que nos aeroportos internacionais están a aplicar medidas de detección con vixilancia aos viaxeiros procedentes dese país asiático. O obxectivo é impedir que a propagación da infección vaia a máis.