CRTVG

Buscar

Estefanía e Adrián, os gardas civís que lle salvaron a vida a un bebé en Cambre

Publicado o 25/08/2021 14:20

Estefanía e Adrián nin imaxinaban que o primeiro servizo que ían compartir fose como foi. Na mesiña que hai na entrada do cuartel salváronlle a vida a un meniño de once meses.

Estaban no momento de remuda para cubrir o servizo nocturno no cuartel de Cambre, cando unha muller cun bebé en brazos, desesperada, acode a eles para pedirlles axuda.

O bebé estaba con moita febre e sen respiración, como consecuencia da reacción que lle dera unha vacina. A muller vive preto do cuartel e foi alí porque ninguén respondía ao pedimento de socorro.

"O momento máis impactante foi abrir a porta e encontrar a muller tan histérica, darnos o neno e nese momento daste de conta de que a situación depende de ti. Daquela, sóbeche a adrenalina, tes que reaccionar e intentar que o meniño saía adiante".

"Da vivencia queda unha satisfacción moi grande, o recoñecemento dos compañeiros, que tamén é gratificante que vexan que o teu período de prácticas saíu ben e soubeches reaccionar a iso e, sobre todo, o benestar do neno, da familia e ver que só quedou nun susto", di Adrián, que presta servizo no cuartel de Cambre.

A súa compañeira de garda, Estefanía, encargouse de tranquilizar a nai. Toda unha proba real cando leva un mes de prácticas: "A verdade é que empezou ao grande. Non imaxinaba que nun mes fose tan intenso. A verdade é que estaba moi nerviosa nese momento. O meu compañeiro reaccionou superrápido cando escoitamos os berros desde fóra, abrindo a porta e collendo o neno. Eu pensaba 'que fago?', porque el xa reaccionou moi de présa co meniño e, daquela, atendín a nai, que, como comentaba meu compañeiro, estaba en grande estado de ansiedade".

El, no seu primeiro ano de exercicio profesional, e ela, con aínda once meses de prácticas por diante, viviron hai cinco días toda unha experiencia que se completou co agradecemento dos proxenitores do bebé e o recoñecemento dos compañeiros. Uns inicios de gardas que non esquecerán.

Noticias web

25/08/2021