Rexístranse catro coalicións para as eleccións do 12-X
En Marea, Compromiso por Galicia, o Partido Galeguista e unha trintena de mareas municipais irán xuntos ás eleccións.
A coalición podería rexistrarse nas próximas horas e está previsto que sexa presentada mañá de forma oficial. Polo momento descoñécese baixo que nome concorrerán ás eleccións, aínda que todo parece indicar que a marca será consensuada.
Rafa Cuíña, de Compromiso por Galicia, desvinculouse desta decisión e xa anunciou que seguirá apoiando o BNG.
O prazo para a presentación de coalicións finaliza este venres 29 de maio, co panorama máis despexado que para o 5 de abril, aínda que haberá que esperar aínda á última xornada para despexar as incógnitas das alianzas, previsiblemente catro para a cita do próximo 12 de xullo.
Galicia en Común-Anova Mareas, que para a pasada cita do 5 de abril apurou os trámites ao fío da medianoite, rexistrou xa este xoves, con máis de 24 horas de marxe, a súa coalición ante a xunta electoral, na que pediran cita previa para poder cumprir con este trámite de forma presencial, como é preceptivo agora no Pazo do Hórreo.
Os termos son os mesmos que os pactados para o 5 de abril e unicamente recóllense un par de modificacións ou matizacións fronte ao que se fixo naquela ocasión, na que apenas cinco minutos antes da medianoite non se asinou o acordo finalmente rexistrado. Así, segundo fontes da coalición consultadas, no pacto económico queda máis especificado.
O 70 por cento dos recursos económicos son para a rama Unidas Podemos (a repartir entre Podemos e Esquerda Unida). O 30 por cento restante é para Anova que, no propio acordo rexistrado ante a xunta electoral, especifícase que o poderá repartir. Isto débese a que a coalición a asinan o tres organizacións políticas, unha das cuestións que mantivo tirante a negociación posto que as mareas municipalistas, singularmente as da Coruña e Compostela, non figuraban como asinantes, aínda que Anova incluíunas na súa cota.
Ademais, concorrerán en coalición Espazo Común, a formación impulsada polo que fose secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez, xunto a Recortes Cero e Os Verdes de cara ás próximas eleccións autonómicas do 12 de xullo.
A cuarta coalición chámase Unidos polo futuro!, e é a alianza de Unidos pola Solidariedade Internacional, Democracia Efectiva e Unión Demócrata do Pobo, cuxo presidente, José Carlos Seoane Osorno, ratificou que volverán concorrer ás próximas eleccións do 12 de xullo: "Traemos un proxecto novo, unhas ideas revolucionarias, unha nova maneira de facer política e de democracia", asegurou o presidente de Unión Demócrata do Pobo, a formación galega de referencia neste pacto e que achega a maioría de nomes ás listas electorais.
Mentres, Ciudadanos está a insistir ao PPdeG para concorrer en coalición ás eleccións autonómicas do 12 de xullo, a pesar de que xa o tentaron en febreiro e non foi posible alcanzar un acordo. Pola súa banda, o PPdeG, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, segue sen abrirse a esta fórmula e prefire presentarse coas súas propias siglas. Os populares sosteñen que o seu proxecto está "consolidado" en Galicia, onde o presidente da Xunta logrou tres maiorías absolutas consecutivas.