Este venres declara o loteiro investigado por quedar cun boleto premiado da Primitiva
Novo capítulo na historia da primitiva premiada con case cinco millóns de euros na Coruña, e que dende hai máis de sete anos busca o seu propietario. Mañá están chamados a declarar no xulgado, en calidade de investigados por presunta estafa, o vendedor de lotería que dixo atopar o boleto na súa administración, e tamén o seu irmán, delegado de lotarías na Coruña.
Os dous declararán no Xulgado de Instrución número sete, que é o que agora instrúe este caso. Tamén están chamados a comparecer o próximo 17 de xaneiro, por videoconferencia, catro altos cargos de Lotarías e Apostas do Estado, entre eles a persoa que en 2012, cando sucederon os feitos, exercía a presidencia.
A maxistrada que escoitara as súas versións, despois de que as investigacións policiais levadas a cabo concluíran que o propietario da administración de San Agustín puido practicar un engano para quedar co premio, aínda que o vendedor sempre mantivo que atopou o boleto no mostrador da súa administración, e antes de tiralo só quixo comprobar se fora agraciado.
O mesmo informe apunta tamén a que Loterías e Apostas do Estado puido ser coñecedora de todo isto e encubrilo. Nestes momentos hai dúas reclamacións no xulgado dos familiares de dúas persoas que xa faleceron e que no seu momento aseguraron ser os posuidores da combinación gañadora con catro millóns setecentos mil euros, aínda que chegaron a ser máis de 200 os que reclamaron a propiedade do boleto, que sete anos despois, aínda segue buscando dono.