CRTVG

Buscar

Este sábado houbo cribados en Lalín e Verín para evitar que se propague sen control o virus

Publicado o 01/05/2021 22:29

Os veciños da Barcia comezaban a chegar ao centro de saúde de Lalín algo antes das catro da tarde para facer a proba. Este cribado faise despois do falecemento dun home de 55 anos da mesma parroquia e tras o ingreso da viúva na UCI con coronavirus. Hai 200 persoas citadas de entre 20 e 80 anos.

O alcalde de Lalín, Xosé Crespo, explica  que "uns son veciños da Barcia e outros son contactos estreitos que tiña a familia". "O problema que tiñan esta familia é que non sabían que estaban infectados e facían vida normal, e ao facer vida normal relacionáronse con familia, con amigos", engade.

Ante a sospeita deste gromo familiar e para evitar máis contaxios, as autoridades sanitarias decidiron facer o cribado o antes posible. A veciñanza desta parroquia na que hai unhas setenta casas está preocupada.
"Deberan facerllo a máis xente, aquí nas parroquias de arredor, a min non me chamaron", di unha veciña.

En Verín o cribado foi pola mañá e alí máis da metade dos veciños convocados acudiron facer a proba. Das 3.000 persoas citadas por SMS participaron 1.685. En só unhas horas, todos saberán se están contaxiados ou non.
 "O resultado chega tamén por SMS, en 24 horas ou 48 horas recibirá ese resultado, por iso é bo que revisen, se non é eles algúen da familia. Chega ao mesmo teléfono a onde se mandou a citación", afirma  Ana Gómez, enfermeira coordinadora do cribado.

Verín ten agora 23 veciños contaxiados coa covid. Cunha incidencia a 14 días superior aos 150 casos por 100.000 habitantes o concello está no nivel medio de restricións.