CRTVG

Buscar

Este martes chegan a España outras 420 persoas evacuadas desde Afganistán

Publicado o 24/08/2021 09:32

• Os líderes do G7 métenlle presión a Biden para que prorrogue as evacuacións malia as ameazas dos talibáns

• As tropas internacionais non descartan unha operación de rescate fóra do aeroporto de Cabul

Hoxe aterran en España outros dous avións con case 420 afgáns evacuados do aeroporto de Cabul. O Goberno reitera que seguirán evacuando xente mentres sexa posible. E as bases militares de Morón e Rota prepáranse para acoller unhas 4.000 persoas que colaboraron cos Estados Unidos.

España segue actuando como a porta a Europa e máis de 800 afgáns chegaron a Torrexón de Ardoz dende o pasado xoves, en voos españois e do Servizo Europeo de Acción Exterior. Os últimos, a tarde pasada, 260 persoas, a maioría familias, con 16 anciáns e máis de 50 menores.

Máis da metade dos que chegaron pediron asilo en España e atópanse xa en centros de acollida de distintas comunidades. España pactou cos Estados Unidos que as bases militares de Rota e Morón poidan acoller durante dúas semanas ata un máximo de 4.000 afgáns que colaboraron coa administración estadounidense.

A ministra de Defensa, Margarita Robles, sinalou este martes que as tropas internacionais, incluídas as españolas, estudan realizar unha operación fóra do perímetro do aeroporto de Cabul para "recoller" a persoas que non puideron chegar ata ese punto e lograr evacualas.

Nunha entrevista na Cadena SER, recollida por Europa Press, Robles matizou que aínda que é unha posibilidade que se está contemplando veo "moi difícil" e que agora mesmo é "imposible" actuar fóra do aeroporto porque os talibáns controlan "absolutamente todo" en Cabul e na gran maioría do país. 

"Doutra banda, Robles recoñeceu que, a pesar de que están a facer todo o posible para evacuar o maior número de persoas posibles, asume que haberá "xente que quedará" e que aqueles que neste momento xa non lograron chegar a Cabul, é "moi difícil" que o logren, polos numerosos controis talibáns. 

Dous de cada tres afgáns que chegan a España evacuados de Cabul manifestaron a súa intención de solicitar protección internacional. . O Ministerio do Interior cifrou en 354 as persoas que pediron asilo no seu primeiro trámite ao aterrar na base aérea de Torrejón de Ardoz. É un terzo comparado cos 987 expedientes de refuxiados afgáns rexistrados desde 2008, dos que o 70% foi aceptado. 

Noticias web

24/08/2021