CRTVG

Buscar

Sanidade e as comunidades deciden se lles poñen a vacina de AstraZeneca aos maiores de 55 anos

Publicado o 22/03/2021 10:50
Sanidade e as comunidades deciden se lles poñen a vacina de AstraZeneca aos maiores de 55 anos

O Ministerio de Sanidade e o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde deciden este luns con que colectivos se renova a vacinación con AstraZeneca e se finalmente se administra a maiores de 55 ao non atopar a Axencia Europea do Medicamento (EMA) relación directa cos casos de tromboses detectados.

Ata o de agora, Sanidade estaba a administrar a vacina de AstraZeneca a traballadores esenciais menores de 55 anos como bombeiros, Forzas de Seguridade do Estado e docentes, entre outros, tamén a traballadores sanitarios que non traballan en primeira liña e, posteriormente, á poboación xeral de entre 45 e 55 anos.

A campaña de vacinación con este fármaco, paralizada durante dúas semanas, renóvase este mércores por decisión unánime do Consello Interterritorial de Saúde do pasado 18 de marzo.

Antes de que se reúna este luns a ministra de Sanidade, Carolina Darias, co Consello Interterritorial de Saúde farao a Comisión de Saúde Pública que estudará as resolucións do relatorio de vacinas reunida esta fin de semana para abordar con que grupos se reactva a administración deste soro tras a polémica suscitada.

Normalmente, o que decide a Comisión é ratificado no Consello Interterritorial de Saúde, onde están representados os conselleiros de Sanidade de todas as comunidades autónomas.

No último Consello e segundo informou a presidenta da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS), María Jesús Lamas, non se atoparon evidencias científicas que relacionen como efecto secundario directo os efectos de tromboses, aínda que tampouco se pode descartar o papel da vacina neses eventos.

Por iso, a AEMPS xa informou entón de que se detallarán no prospecto do fármaco eses efectos adversos, modificarase a ficha técnica e trasladarase unha guía a profesionais sanitarios con síntomas que os poidan alertar.