CRTVG

Buscar

Este é o lugar onde dormen todos os exames da selectividade

Publicado o 10/06/2021 21:27

Chegan dende Ourense, chegan dende Cee, chegan dende Lugo... E así toda a tarde dende toda Galicia.

"Todos os exames de Galicia van estar nesas caixas. Vai haber aquí entre 85.000 e 95.000 exames", conta Celso Rodríguez como voz da CIUG.

A Comisión Interuniversitaria de Galicia recibe en Santiago as caixas da corentena de comisións galegas, caixas en que veñen os exames mesturados.

"Aquí xúntanse os exames de cada materia nun bloque". 

E logo entregaránselles clasificados ao director do grupo de cada materia. Pero iso é despois de que as caixas boten a noite aquí. 

"Quedan aquí, nun búnker que temos na facultade de Dereito". 

Queda o búnker no territorio do segredo, pero podemos saber que este venres xa se reúnen os correctores. Máis de 700 persoas encargaranse de corrixir por toda Galicia. 

"Non se lle pode dar a un corrector de Ourense un sobre cos exames de Ourense".

E podemos saber cando saen as notas desta selectividade.

"O xoves 17, contra as oito da tarde".

Hai despois tres días hábiles para solicitar revisión.

"E o día 23 faise a revisión e saen as notas da revisión".

Os días están cada vez máis cerca.

Noticias web

10/06/2021