Este domingo houbo cribados poboacionais no Porriño e en Cambados
O Sergas convocou 6.000 persoas para facer unha proba PCR no Porriño, tras detectar un gromo nun centro de procesado e conservación de carne. A empresa ten máis de 700 empregados, aínda que a maioría residen fóra do concello.
Cunha incidencia acumulada por debaixo dos 50 casos a catorce días, O Porriño é un dos municipios con menos restricións da área sanitaria de Vigo.
En Cambados a busca de casos asintómaticos fíxose entre a poobación moza.
Arredor de 1.500 mozos e mozas de Cambados foron citados este domingo nun cribado poboacional que permitirá realizar unha radiografía da situación epidemiolóxica do concello.
Cambados atópase no nivel medio de restricións. Na actualidade ten 26 casos activos, con oito contaxios máis entraría no nivel alto.
Á espera dos resultados, dende o consistorio piden non baixar a garda para evitar pasos atrás na desescalada.