CRTVG

Buscar

Este ano diagnosticaranse en España 270.000 novos casos de cancro

Publicado o 12/09/2018 21:16

Este ano vanse diagnosticar 270.000 novos casos de cancro en España. Son datos do informe internacional sobre a evolución da enfermidade que non se actualizaban desde 2012. O que ten maior incidencia é o cancro colorrectal seguido do de mama, próstata e pulmón. Case o 10% da poboación española está en risco de morrer de cancro antes dos 75 anos. Pero actualmente a metade dos doentes sobrevive. A Asociación Española Contra o Cancro reclama duplicar o investimento en investigación para aumentar esa porcentaxe ata o 70%.

En España haberá este ano 270.000 novos diagnósticos de cancro, segundo a Axencia Internacional de Investigación da enfermidade. O estudio, que non se actualizaba desde 2012, estima que este ano morrerán 69.000 homes e 44.000 mulleres por esta enfermidade. España presenta unha peculiaridade neste sentido porque a nivel mundial tanto os diagnósticos como a mortalidade afectan máis as mulleres ca os homes.

Os cánceres con maior incidencia en España son o colorrectal, o de mama, o de próstata e o de pulmón. A supervivencia é do 53%. A Asociación Española contra o Cancro asegura que podería aumentar ata o 70% duplicando o investimento en investigación.

 "Con fondos das administracións públicas, das empresas e da sociedade civil. Todos xuntos. Para logralo deberán darse as condicións fiscais, facer os cambios necesarios nas leis de mecenado para que a sociedade se involucre e estemos polo menos na media de Europa", di a voceira da AECC.

Pero a loita contra o cancro pasa tamén pola prevención. Os expertos reclaman educación e políticas que penalicen o tabaco, pero tamén as bebidas azucradas e as graxas saturadas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/09/2018