CRTVG

Buscar

Estatuas no punto de mira: o racismo na historia perde espazo nas rúas

Publicado o 12/06/2020 08:20

O movemento de protesta xurdido tras a morte de George Floyd deriva nunha revisión da historia que se traslada no derrubamento de estatuas de personaxes considerados partícipes ou culpables da desigualdade racial. As primeiras en caer foron as erixidas en homenaxe aos Confederados nos Estados Unidos, pero o cerco vaise ampliando e inclúe traficantes de escravos, imperialistas, exploradores e conquistadores. Tamén en Europa.

Denuncian a inxustiza racial ao longo dos séculos e defenden que Cristovo Colón, coa súa expedición de hai 500 anos, colaborou na explotación e matanza dos indíxenas americanos. Estatuas do explorador foron derrubadas ou sufriron vandalismo pola totalidade dos Estados Unidos. Retirado en Minnesota, onde foi asasinado George Floyd.

Pero Nova York resístese a quitar a Colón do espazo público. Alí consideran que representa, dixo o gobernador dese estado, a contribución dos italoamericanos ao país.

Isto comezou co ataque ás esculturas dos confederados, a facción que defendía a escravitude na guerra civil estadounidense. Agora incluso o Pentágono considera cambiar o nome a dez bases bautizadas con figuras da Confederación.

A revisión da historia e os seus prohomes é importante no Reino Unido. Así rescataron en Bristol a figura de Edward Colston, que botaron ao mar os manifestantes. Era traficante de escravos, como Robert Milligan, que xa retiraron en Londres. A controversia rodea agora a figura do creador dos Boy Scouts, Baden Powell.

A acusación de racismo chegou a unha figura de tanto consenso oficial como Winston Churchill.

E é que o movemento Black Lives Matter amplía a crítica á dominación europea de África. As imaxes de Leopoldo II de Bélxica foron atacadas en Bruxelas, Amberes e Gante. Está amplamente documentado que o monarca converteu o Congo na súa colonia privada e que se fixo multimillonario co caucho tras transformar o país nun campo de traballos forzados en que se calcula que foron asasinados dez millóns de persoas.

Pero as estatuas de Leopoldo II, polo de agora, seguen en pé no Congo.

Noticias web

12/06/2020