CRTVG

Buscar

Estas son as restricións que se implantan esta noite en Santiago e O Milladoiro

Publicado o 21/10/2020 15:49

As medidas aprobadas polo comité clínico entrarán en vigor esta medianoite en Santiago e O Milladoiro e afectan, sobre todo, a vida social.

Acabáronse as festas familiares e xuntanzas de amigos: limítanse as reunións aos grupos de persoas conviventes.

Carmen, Tania e Marta toman o último café xuntas ata dentro de 14 días. Polo menos.

Van xuntas á clase e aos obradoiros, pero non poderán sentar a carón nunha terraza, nin nun piso de Santiago, porque non son conviventes.

O conselleiro, Xulio García Comesaña, falou hoxe de crear contornos burbulla. Unha medida contra a covid-19 que o comité clínico considera proporcionada e suficiente para conter o avance dos contaxios en Compstela.

Malia que a incidencia acumulada é de 333 casos por 100.000 en 14 días, non hai, de momento, indicios de transmisión comunitaria.

Carmen Parrondo, directora xeral de Saúde Pública, sinala que "os gromos están localizados, este é un dato importante para cando falamos de transmisión comunitaria ou non. Os casos iniciais están localizados, sabemos cal é o contorno. Ou sexa, que non temos un volume importante de casos orfos".

Os bares e cafeterías non atenderán no interior, e no exterior as ocupacións estarán ao 50%, igual que en cines e teatros.

O mesmo para os restaurantes, onde se establece o límite de 5 persoas por mesa.

O sector hostaleiro séntese discriminado e criminalizado. Insisten en que eles non son o problema e que non hai datos obxectivos que xustifiquen estas medidas.

Moitos dos negocios hostaleiros do Milladoiro e Santiago pecharán temporalmente, pero auguran que moitos serán definitivos.

"Si podemos ter actividade do exterior, ata o 50 por cento, pero co tempo que temos esta temporada pois é improbable que se poida manter a actividade, está chegando a límites que non somos capaces de aguantar", conta Lois López, da Asociación de Hostaleiros de Santiago. 

Para o transporte e as actividades deportivas opera a acollida decretada para o nivel 3.

Alberte Fuentes, secretario xeral técnico da Consellería, explica que en eventos e instalacións deportivas a capacidade máxima "é de 30 persoas máximo en espazos pechados e 75 en exteriores".

Os cidadáns reciben as medias con resignación e coinciden en que o segredo do éxito está na responsabilidade individual.

Hai quen explican que lles parecería inconcibible pechar unha cidade con tanto tránsito perimetral.

E están tamén os que cren que psicoloxicamente, a medida de restrinxir as relacións só aos conviventes, vai ser dura.

Noticias web

21/10/2020