Estas son as medidas que entran en vigor este sábado
EFE
Estas son as novas medidas restritivas para facer fronte á pandemia da covid-19 que entrarán en vigor en Galicia desde as 00.00 horas de mañá sábado, 4 de setembro, tras o acordado na reunión do martes do comité clínico e segundo figura na orde publicada onte no 'Diario Oficial de Galicia' (DOG).
A semana que vén prevese a aprobación dun novo protocolo para a hostalería para que a súa apertura non dependa da situación epidemiolóxica dos municipios, pero mentres tanto as condicións seguen igual que a semana pasada.
A principal novidade que entra en vigor son os cambios nos niveis nos concellos, con tres deles en nivel máximo, 21 municipios en nivel alto, 41 en medio e o resto en medio-baixo.
Non hai peches perimetrais na comunidade nin toque de recollida, aínda que continúan prohibidas as reunións entre persoas non conviventes ao aire libre desde a 01:00 ata as 06:00 en municipios en máximo e alto. No caso dos niveis medio e baixo, este tipo de reunións están prohibidas entre as 03:00 e as 06:00 horas.
No ámbito privado, as reunións non poderán exceder as seis persoas no interior e as 10 no exterior ou dúas unidades de convivencia.
Hostalería e ocio nocturno
No nivel máximo de restricións, os bares e restaurantes poderán abrir cunha capacidade do 50 % nas terrazas, pero deberán manter os interiores pechados. No caso do ocio nocturno, poderán abrir coas terrazas ao 75 %.
No caso dos municipios en nivel alto, a hostalería poderá abrir cunha ocupación máxima do 30 % no interior e o 75 % nas terrazas. O ocio nocturno, como no nivel máximo, poderá abrir só as terrazas ao 75 % da súa capacidade.
Aqueles concellos en nivel medio teñen fixada a capacidade máxima na hostalería nun 50 % no interior e o 100 % nas terrazas. O lecer nocturno, pola súa banda, nun 50 % no interior e o 75 % nas terrazas.
O resto de concellos, os do nivel baixo, contan cunha capacidade do 75 % no interior e o 100 % nas terrazas no caso da hostalería. Para o lecer nocturno, a ocupación é dun 50 % no interior e un 100 % nas terrazas.
De novo, cunha limitación de 6 persoas en interior e 10 persoas na terraza por mesa ou agrupación de mesas en todos os locais de hostalería. Os locais de ocio nocturno deberán levar un rexistro obrigatorio dos clientes.
Está permitido facer uso da pista de baile sempre coa máscara e cunha ocupación non superior aos dous metros cadrados de pista por cada usuario. Os locais poderán pechar ás 03:00 horas nos municipios en nivel medio e baixo é á 01:00 horas naqueles en nivel máximo e alto.