CRTVG

Buscar

Estas son algunhas das causas xustificadas para crebar un peche perimetral

Publicado o 21/01/2021 21:13

Tres supostos aparecen como novidade no último decreto da Xunta. Pódese incumprir o peche perimetral para dar de comer aos animais, asistir a clases de reforzo ou coidar a horta. Pero, moito ollo, porque en todos os casos o desprazamento debe estar xustificado. 

"Non vale dicir: vou todos os días ver a horta. Hai unha serie de actividades que teñen unhas épocas e iso está parametrizado. Non vas ir agora coller a pataca, que se colle en agosto ou setembro, ou facer a vendima", explica Manuel Rivera, tenente xefe da Comandancia da Coruña.

Cando se trata de levar un menor a clases de reforzo, no tempo de espera o adulto non pode aproveitar para facer recados ou tomar un café. Entre as dúbidas máis comúns está a atención a persoas maiores ou dependentes. En que casos está permitida?

"A visita non está permitida porque é un acto de interacción social. O que está permitido é a asistencia ou coidado", matiza.

Calquera documento oficial é válido para xustificar: libro de familia, censo, informe médico, contrato de propiedade ou alugueiro. Sempre e cando o desprazamento sexa esencial. O incumprimento das restricións poden supoñer importantes sancións económicas.

Noticias web

21/01/2021