CRTVG

Buscar

Estas empresas tiveron que reinventarse por ser incompatibles coa COVID-19

Publicado o 17/05/2020 18:33

Moitas empresas víronse obrigadas a reinventarse porque a situación de confinamento non lles permitía manter a súa actividade ou porque non teñen cabida no novo escenario que se presenta. Tiveron que agudizar o enxeño, mudar hábitos e discorrer novas vías para adaptarse.

Carla Iglesias é a xerente da Guagua, empresa ferrolá dedicada ao ocio educativo e eventos infantís dende hai 17 anos, cun equipo de 50 persoas. O coronavirus paralizou por completo o seu sector. Tras o golpe inicial, asumiron que debían adaptarse. Axiña propuxeron un servizo de canguros a domicilio. Tamén sorpresas con decoración de globos.

E agora festas a domiciio con tipis para a fase dúas. Preparan o lanzamento de novos servizos porque dous meses dan para moito matinar: "Agora mesmo non podemos facer nada, pero si que podemos pensar", afirma Carla.

Marga Carballo tamén tiña centrada a súa actividade nos nenos. A súa empresa en Narón parou en seco o 13 de marzo, pero ela non parou. Coa incerteza de se poderá recuperar a didáctica presencial en que estaba especializada, emprendeu un novo proxecto: Aula Desafío.

Ofrecen aprendizaxe a nenos, adultos e docentes por medio de clases online ou videotutoriais. Para o desafío asociouse co compostelán Jorge Penabad, que estaba na mesma situación.

Discorrer non é un problema para Bárbara e Patricia. Antes da crise na súa firma creativa Ricotelia vendían produtos personalizados cos seus deseños. Pero co estado de alarma non podían nin usar o seu taller. Decididas a reinventarse, atoparon a saída nos directos que facían no Instagram con técnicas de lettering, de debuxar letras.

Naceu como unha idea para entreter as súa amizades, pero a boa acollida animounas a redirixir a súa empresa cara á formación online. Salientan tamén a comunidade que crearon con outros autónomos para explorar novas vías dende a casa.

Noticias web

17/05/2020