Estantes e cómodas deben fixarse á parede para evitar accidentes
É a cuarta indemnización millonaria que acorda Ikea con familias norteamericanas tras varios accidentes en que morreron nenos esmagados por unha das cómodas máis vendidas da multinacional sueca. De feito, a compañía retirou uns trinta millóns de unidades do mercado e incrementou a información sobre a necesidade de fixalos á parede. Miguel López, da Unión de Consumidores de Galicia, explica que é fundamental seguir as recomendacións do vendedor para garantir a seguridade.
Con todo, se hai un accidente e consideramos que se debe a un defecto no produto, a lei ampara os consumidores, e nos últimos tempos, segundo explica Miguel López, o Tribunal Supremo xa ditou varias sentenzas que supoñen a inversión da carga da proba, é dicir, que sexan as propias empresas as que garantan que o produto non é defectuoso, e non o consumidor quen se vexa nesa obriga.
Armarios, estantes e cómodas non son estables se non se suxeitan á parede, e se hai nenos o risco increméntase. Desde Ikea aseguran que intensificaron a comunicación ao respecto, melloraron a estabilidade dos seus mobles e en España adoptaron como condición innegociable do seu servizo de montaxe a suxeición deste tipo de mobles.